Entrega do VIII premio do Concurso Balbino de Relatos a Clara Martín e presentación da obra gañadora

Entrega do VIII premio do Concurso Balbino de Relatos  a Clara Martín e presentación da obra gañadora

O Liceo de Ourense acolle o martes 28 de novembro, ás 20:00 h, a entrega do premio do Concurso Balbino de Relatos á gañadora desta oitava edición, a Cristalina López Rodríguez “Clara Martín”, nun acto no que tamén será presentada a obra premiada, o libro Loucine.

No acto, a autora estará acompañada polo directivo do Liceo de Ourense, Juan Fonseca; o profesor, escritor, investigador e crítico literario Armando Requeixo; a profesora e escritora Rosalía Morlán; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López; e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

Durante o acto contaremos co acompañamento musical de Iván González Carrera.

A obra

Loucine é a obra que resultou gañadora do VIII Concurso Balbino de Relatos da que o xurado do premio, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario) destacaron o: "Gran traballo na caracterización dos personaxes nunha historia que atrapa pola intriga e que é quen de reflectir, con notable habelencia, unha sinfonía de soidades na que todos os seres deste relato atopan o seu lugar no mundo".

Tal e como describe a propia autora, “Loucine é unha bágoa esvarando lentamente pola meixela e dará nome á máis profunda soidade e á máis absoluta derrota. Pero se de toda esa desolación e dese estrago se logra saír, se se pode arrincar un chisco de luz na escura noite da destrución, se na fin do mundo volve amencer... entón non está todo perdido. A morte non sempre é o final, o esquecemento si”.

Concurso

Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.

De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista. 

Loucine, de Clara Martín,únese á lista de premiados nos que se inclúen, por orde cronolóxica, as obras Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (Ourense); Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (Sevilla, pero natural de Allariz); Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (O Carballiño); Bica de Montouto, de Pepe Peinó (Lugo); Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo); e A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez (Ferrol).

Colaboracións

O Concurso Balbino de Relatos conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.

Autora

Clara Martín descríbese como: “Nacín entre dous países cunha lingua común e fun a última en chegar. Vivín en catro cidades, varias casas e un par de fogares. Teño unha gata en acollida temporal e son alérxica a unha chea de cousas, entre elas os gatos, aos que adoro. Escribo dende que teño uso de razón pero a razón úsoa ben pouco, porque no meu mundo manda un órgano que latexa, por sorte. Escribir forma parte dese latexo, se paro morro, se para tamén. Teño incontinencia emocional e un pésimo sentido da orientación polo que choro cando me perdo e iso que fai tempo que deixei de buscarme. Teño obsesión coas revistas pero non as leo, só as estrago, cortando, rachando, arrincando papeis, porque adoro crear mundos novos, cheos de todas as cores que ás veces me faltan. Sempre vou co máis feble. Estaría sempre de viaxe. Cústame saír de casa. Falo moito cando estou nerviosa. Necesito espazo e apertas e, ademais de escribir, encántame vivir”.

Cristalina López Rodríguez “Clara Martín” (Verín, 9/8/1968) é unha escritora en lingua galega e castelá. Foi galardoada con distintos premios literarios: primeiro premio de narrativa da Romaría Etnográfica Raigame 2004 (Celanova-Ourense) co relato “ Ficarei en Lisboa”, primeiro premio no IV Certame de Relato Curto en galego convocado polo Concello de Mugardos-2006 (A Coruña) co relato “Verde herba verde” e primeiro premio no Certame de “Auga y Vida” de relato curto-2011 concedido por El Corte Inglés-Galicia con “Amara”. Segundo premio no Airiños do Xunco-2005 (Lugo) e tamén no XIV Certame Literario de Piñor-2005 (Ourense) coas obras “Á sombra dá estatua” e “O bico de Xudas”.

Tamén foi finalista en certames internacionais e nacionais como o Certame de Relato curto Ábaco-2006 coa obra “Pienso palabras” e no VI Certame “Carmen Martín Gaite” de Relato Breve convocado pola Agrupación Casa da Cultura de Cerceda (Madrid)-2006 co relato “Las manos del alma”. Mención honorífica no I Certame “Dora Vázquez” de Arteixo (A Coruña) no ano 2003 co relato curto “Os paraísos de Eva” e Accésit no Certame “Manuel Oreste” convocado polo Concello de Paradela (Lugo) co poemario “Sogas” no ano 2008.

Colaborou en libros colectivos como Sempre mar do Colectivo Burla Negra-2003 da Plataforma Nunca Máis e no libro coordinado por Antonino Nieto Imposible no comerse (en el volcán de los amores canallas) de Lastura Ediciones. Así mesmo, ten distintas publicacións en páxinas web e no seu blogue persoal “Bicos con lingua”. En prensa publicou, entre outros, o relato “Tortellini rock” no apartado de Relatos de Verán de La Voz de Galicia no ano 2007.

No ámbito teatral exerceu como dramaturga para a compañía Sete lobos coa obra Os pecados do lobo representada no Auditorio de Ourense no ano 2006.

Tamén escribiu No esconderás un cadáver en el armario para a compañía madrileña Estamos en ello, representada en salas de Madrid e Ourense. Outra das súas obras, representada na sala La Escalera de Jacob en Madrid foi Olvidé decirte adiós… así que adiós sendo traducida ao galego co título Esquecín dicirche adeus… así que adeus e publicada por Edicións Fervenza. Outras obras no seu haber son Estado de Alarma, caixa de autor formada por contos e con ilustracións fotográficas de Plácido L. Rodríguez; e  De maza e canela, contos con sabor e cor, libro de contos escritos a partir de receitas da reposteira Teresa Fenollosa e coas ilustracións da artista Isabel Pintado.

Amais da escritura, destaca o seu traballo como colaxista, en concreto co colaxe analóxico ou manual centrando a súa obra na categoría de "femmage", estilo que utiliza materiais, obxectos e técnicas artesanais identificadas culturalmente coa muller. Mostra desta disciplica atópanse no libro Uterus siue uolua (Edicións Fervenza), con poemas de Xulio Pardo de Neyra e ilustrado con colaxes de Clara Martín.