“Variedade temática e axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man cos relatos de natureza máis telúrica”, así describiu o xurado do IX Concurso Balbino de Relatos a obra O meigallo dos soños, da autoría de Juan José Lamelas Caneiro e natural do Concello de Ourense, que se alzou como gañadora desta novena edición.
O fallo foi determinado por maioría dun xurado composto por reputados profesionais do sector e que incluía a Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario).
O xurado determinou outorgar o galardón á obra O meigallo dos soños, presentada baixo o lema O trasno, pola “súa variedade temática e a axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man cos relatos de natureza máis telúrica, onde o mundo dos nosos labregos e mariñeiros adquire carácter protagónico”.
Tamén salientou a súa solvencia nos diálogos e descricións, “a través das diferentes narracións que se nos propoñen componse un amplo mosaico de personaxes que, de seguro, atrapará o interese do lectorado”.
Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade da preto da vintena de orixinais presentados entre os que se incluían tanto novelas como relatos dirixidos tanto a público xuvenil como adulto.
Publicación
O texto gañador deste certame literario ten un premio económico de 1.500 euros e ademais contará coa publicación da obra que estará a cargo de Edicións Fervenza.
Durante os próximos meses traballarase en darlle forma ao libro tendo a previsión de que sexa presentada nun acto no que tamén se fará entrega do premio á persoa gañadora durante o mes de novembro.
Concurso
Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.
De periodicidade anual, os requisitos que debían cumprir os orixinais presentados era unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres, ter como temática o rural, o mar ou a emigración e estar escritos en lingua galega.
As bases completas pódense ver en www.concursobalbino.com
Colaboracións
O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Biografía Juanjo Lamelas
Juan José Lamelas Caneiro (Ourense, 1964) é escritor e profesor, apaixonado da divulgación científica.
Diplomado en Maxisterio, continuou os seus estudos para licenciarse en Ciencias Químicas e, posteriormente, doutorarse na especialidade de Química e Física.
Ten participado en numerosos congresos e publicado traballos de investigación en prestixiosas revistas como o Journal of Chromatographic Science ou a revista Afinidad.
Na actualidade dedícase á docencia no CEIP Curros Enríquez de Celanova e traballa vinculado a proxectos de implantación e desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación aplicadas ao ensino.
Pouco a pouco, a súa afección á literatura foi converténdose nunha auténtica paixón da que naceron xa varias historias. Entre as súas publicacións destacan novelas históricas,de intriga e ensaios de divulgación científica.