O Santuario de Nosa Señora dos Desamparados (na parroquia de Abades, SILLEDA) acolle este sábado 9 de abril, ás 16.00 h, a presentación do libro “Historia do culto aos santos en San Caetano de Bazar” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de José Mª Ezequiel Ferrer.
No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo e no que actuará como presentador Herminio Gómez, o autor estará acompañado do párroco de Abades, José Pérez; do escritor e cronista de Deza Daniel González Alén; da concelleira de Cultura do Concello de Silleda, Mónica González; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e do alcalde do Concello de Silleda, Manuel Cuiña.
Contarase co acompañamento musical do Quinteto de Vento MSEC de Trasdeza, do que forman parte Zayra Rozados, Saray Filloy, María Lorenzo, Raúl Barrial e Marcos Varela.
Este mesmo acto servirá de escenario para a presentación da reedición en castelán e ampliada do libro sobre o Santuario de Abades e que leva por título Donde el mundo se llama Abades.
A obra
Este libro ten como obxectivo fundamental encher un baleiro existente na historia social da parroquia de Abades, especialmente no lugar de Bazar, onde se atopa a ermida dedicada á advocación a San Caetano, antigamente a Santiago Peregrino.
Bazar preséntanos unha sinxela e á vez enigmática ermida, tan antiga coma ela mesma e, pola súa vez, moderna desde 1717, ano da súa reedificación.
Grazas a unha ardua labor de investigación, o autor preséntanos un completo estudo histórico artístico da arquitectura sacra deste centro devocional rural no que se refiren datos aportados tanto polo recordo dos seus habitantes, transferidos na tradición oral, así como a interpretación de diversa documentación á que puido acceder José María Ezequiel co fin último de evitar que caia no esquecemento a historia desta ermida.
Colaboracións
Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.