Cangas acolle a presentación do libro infantil, “Rigel e os segredos do tambor”, de Loliña Chamadoira

Cangas acolle a presentación do libro infantil,  “Rigel e os segredos do tambor”,  de Loliña Chamadoira

O Salón de Plenos do Concello de Cangas acolle este xoves 23 de novembro, ás 19:00 h, a presentación do libro Rigel e os segredos do tambor, publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Loliña Chamadoira.

No acto, aberto ao público ata completar aforo, acompañarán á autora o filólogo Heitor Mera, o mestre de música e cantautor Tino Baz, o fotógrafo e cineasta Borja Brun e a concelleira de Cultura do Concello de Cangas, Aurora Prieto.

O libro

Rigel e os segredos do tambor é un poemario que busca espertar o espírito infantil que todos temos, rememorando aquela curiosidade que xurdía ante todo o descoñecido. Un libro que desfrutarán por igual rapaces e maiores e no que adquire protagonismo todo aquilo que representa o lonxano, como son as galaxias, e tamén a certeza do concreto, como é o tambor, pero non un tambor calquera, senón unha caixa de resonancia onde cada son é un segredo.

Mergullada no mundo dos nenos, na escola, na casa e nas lembranzas a autora recréase en feitos cotiáns e soños de fantasía compartidos cos seus lectores neste cativo poemario. Namorada da fermosura das verbas, escribe no encerado da clase o seu primeiro poema para os rapaces de primaria, “Era unha muller artista” e faino dun chimpo, para lles aprender a xogar con elas e dar saída aos sentimentos e aos soños. Eles, os escolantes, len moi ledos as asegurando, con certeza, as vindeiras e entón insospeitadas publicacións da mestra.

A autora usa a escrita coma escusa para seguir vivindo ese máxico mundo do que non lle é doado afastarse: o mundo cósmico da infancia vivida dende a harmonía daqueles inocentes anos que nos fan o que agora somos: olladores de estrelas.

Rigel é unha verba árabe que quere dicir pé. É unha estrela super xigante, branco-azul, a máis brillante da Constelación Orión, tamén chamada do Cazador, que ten a Rigel no seu pé. É a sétima estrela máis luminosa do ceo nocturno e nela, a escritora topa unha figura evocadora do misterio, a inmensidade, a beleza e a luz.

Cabe destacar que os versos de Rigel e os segredos do tambor engrandecen a súa beleza grazas ás ilustracións das que se acompañan e que responden á autoría de María Guerrero Rico.

Colaboraron na publicación do libro

A publicación do libro “Rigel e os segredos do tambor”, editado por Edicións Fervenza, contou coa colaboración de Cooperativa Hoxe e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

BREVE BIOGRAFÍA DA AUTORA

Mª Dolores González-Chamadoira Pérez

Miña nai era viguesa, por iso nacín na casa dos avós maternos, na rúa Montero Ríos trinta e catro, segundo andar. Bautismáronme na parroquia de Santiago de Vigo e como meu pai era de Cangas, ós poucos días leváronme alí e foi onde pasei a miña nenez e xuventude.

Casei con Franco Cobas e vivimos en Vigo, pasando longas estadías en Cangas coas nosas fillas, Susana e Laura. Son mestra nacional das oposición libres do 1982, especialidade filoloxía española e francesa.

Ós dezaseis anos, xa escribía en galego. Meus Mestres, Castelao, Rosalía de Castro, Carvallo Calero e Franco Grande naquel verán de 1963. O grande escritor, José María Castroviejo y Blanco Cicerón, foi o meu dicionario mentres íamos dunha beira a outra nos vapores de pasaxe por mor dos meus estudos ou do seu traballo.

Con dezasete anos, ía presentarme a un concurso de poesía que convocaba o SEU, en Santiago mais, cando ía entregalos, dinme atrás, por medo a non ter abondosa calidade literaria.

Colaborei coa revista de “ANFACO” e tamén con “Mar de Noia”. Participei na Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte, coordinado por Xesús Alonso Montero (Xerais, 2006). Hai o poema a Alexandre Bóveda, en Pontevedra Literaria (Concello de Pontevedra 2007), antoloxía dende o Rexurdimento. Teño un poema no libro O padre Seixas dende dentro (Sept, 2013) de Manuel Cabada Castro e outro en Pregoeiro da Hirmandade (Sept, 2015) sobor de Xaime Seixas da autoría de Manuel Cabada Castro. Ó libro de Homenaxe a Manuel María mando un poema que xa tiña feito por encargo de Xesús Alonso Montero, “O sapo”. De cando en vez, colaboro con artigos no Faro de Vigo.

Entre as miñas publicacións, O fume do loureiro (Deputación de Pontevedra, 2005) poesía en galego; O vento do Noroés (Deputación de Pontevedra 2010) poesía en galego e castelán, ilustrado por Raúl Velloso. En poesía infantil en galego, Un Globo de novelos (Edicións Fervenza, 2016) ilustrado tamén por Raúl Velloso; e en prosa galega, O asubío do tempo (Edicións Fervenza, 2019), relatos sobor da miña nenez con ilustracións a plumilla de Marcos Moral.

En 2019 o Sr. Alcalde, Xosé Manuel Pazos, convidoume a dar o pregón das Festas do Cristo do Consolo de Cangas de Morrazo.

Formo parte de Galicia Dixital.

BREVE BIOGRAFÍA DA ILUSTRADORA

María Guerrero Rico

Mestra vilalbesa, debuxante e ilustradora por afección e necesidade persoal. Esta afección foi herdada de miña nai, quen guiou as miñas primeiras liñas sobre calquera soporte que atopaba e que resultaba válido para os meus debuxos infantís. Medrei pois entre lenzos, pinceis e pinturas. O meu xeito de debuxar caracterízase por empregar os mínimos trazos posibles e gusto de representar aquilo que me rodea, as cousas sinxelas da vida cotiá e sobre todo o mundo feminino.

Colaborei na edición de varios libros de poemas como: No soño dos ollos, de Xosé Lois García; Doce Ducias, No perfil das verbas, de Mero Iglesias; ou nun libro do mesmo autor dirixido a público adolescente No baleiro dunha soidade.

Son tamén colaboradora habitual da asociación cultural Xermolos con láminas, carteis ou exposicións compartidas con outros debuxantes.