Serafín Parcero presenta en Cangas o libro de teatro “A mentireira historia da Carapucha verdadeira”

Serafín Parcero presenta en Cangas o libro de teatro “A mentireira historia da Carapucha verdadeira”

O Auditorio Municipal de Cangas acolle este venres 12 de maio, ás 20.00 h, a presentación do libro de teatro infantil A mentireira historia da Carapucha verdadeira, publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Serafín Parcero.

No acto, ademais de dar a coñecer esta nova obra de Serafín Parcero, contarase coa representación dun fragmento da obra que será interpretado polos actores Sara Nieto e Juan Luís Pérez. Así mesmo, durante o acto, o guitarrista Esteban Vázquez será o encargado do acompañamento musical. 

O libro

Que pasa cando a un conto clásico se lle dá a volta coma a un calcetín? A resposta é un divertido libro de teatro que, aínda que indicado para o público infantil, é igualmente entretido para compartir con toda a familia. Este conto do profesor, Serafín Parcero está ilustrado con debuxos a toda cor da autoría de Sehila Rodríguez Mosquera, o que fan máis visual esta singular historia. 

Un conto clásico, como é o de Carapuchiña Vermella, convértese nunha historia máis moderna cun lobo vegano, unha nai preocupada pola telenovela, unha avoa esfameada pero moi activa, un cazador burlado e sen pericia e ata cabritiños okupas. Todo baixo a mirada dunha Carapucha deslenguada e fanática dos videoxogos. 

Entón, cal é realmente a Carapucha verdadeira?...  Facemos unhas preguntas ao autor, a ver que nos conta:

- “A mentireira historia de Carapucha verdadeira” é un cambio dun clásico infantil. Que van a atopar nel os máis cativos? 

Eu creo que un pouco de humor. Deixei de lado os elementos máis macabros do conto e foron substituídos por situacións cómicas e amables. Tamén se verán sorprendidos por un cambio bastante notable respecto da historia orixinal. 

-Darlle un cambio radical á personalidade de personaxes tan gravados no noso imaxinario como o “lobo”, a “avoa”, o “cazador” ou “carapucha” de seguro que sorprende ao lector pero tamén é unha aposta arriscada. Por que é preciso ofrecer unha visión renovada?

Penso que a versión orixinal está algo desfasada. Era propia dunha sociedade rural que os lectores/espectadores actuais, sobre todo os nenos/as, sentirán como allea, ao igual que moitas das mensaxes subxacentes no texto. 

-Cal é a relevancia do teatro para o público infantil? É máis doado chegar a eles a través da representación ou pola contra, a través da lectura? 

A importancia do teatro para o publico infantil, nas súas dúas facetas, como espectador e como actor é moi notable. Para min o teatro tiña que formar parte do currículo escolar. O teatro serve para mellorar a lingua oral, a expresión oral, a expresión corporal e a hoxe tan deostada memoria, que para min é indispensable en todo proceso que se queira chamar educativo. Tamén é útil para mellorar a autoestima, para superar a timidez e a vergoña a falar en público, para mellorar o traballo en equipo e  tomar consciencia da necesidade de responsabilizarse do traballo individual (papel) para que funcione o proxecto colectivo (obra). Respecto do espectador, o teatro, polo xeral, esixe maior concentración e atención por parte do público e moitas obras infantís tamén propoñen a participación activa do público. Normalmente é máis doado chegar ao público a través da representación porque os nosos fillos e fillas están sometidos de continuo a estímulos audiovisuais, polo que o teatro non lles é un “campo” estraño. Por outro lado, se non se ten a costume, ler teatro é un pouco complicado, polo que se agradecen coleccións como A Pinguela que conxugan textos con ilustracións.

-Que público é máis esixente o adulto ou os máis pequenos?

Ambos son esixentes, aínda que o público infantil adoita ser máis receptivo. A principal diferenza consiste en que a cativada vai reaccionar con espontaneidade e sinceridade, non van dicir que “non estivo mal…” por compromiso.

Colaboraron na publicación do libro

A publicación do libro “A mentireira historia da Carapucha verdadeira”, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Promotora e Construtora Bamarti.

O autor

Serafín Parcero Pérez (Moaña, 1955), cursou estudos de Profesorado de E.X.B. e desempeñou o labor docente en diversos centros educativos da provincia de Pontevedra. Na actualidade está xubilado. Dende moi novo participou de modo activo na vida social, cultural e deportiva da súa vila. Tamén dende novo sentiu atracción pola creación artística, en especial polo debuxo e a escrita. As influencias da súa profesión levárono cara o conto infantil e o teatro para nenos.

Adaptou e dirixiu varias obras de teatro infantil (As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María e O merlo branco, de Cándido Pazó, entre outras). Tivo a ousadía de escribir e dirixir as súas propias obras: Xogando co circo, A flor fea e esta obra, A mentireira historia da Carapucha verdadeira

Obtivo varios premios en distintos certames de narrativa, sendo o Certame de Relatos de Muller “Matilde Bares” o máis importante deles, certame que gañou coa obra Ollos de cinsa, editado pola Concellería de Igualdade do Concello de Bueu. Tamén publicou as novelas longas Viúvas de vivos e de mortos (Edicións Do Peirao) e As Illas dos Deuses (Edicións Xerais de Galicia).