Os Balbinos xa teñen dúas novas aventuras recollidas en libros publicados por Edicións Fervenza!

Os Balbinos xa teñen dúas novas aventuras recollidas en libros publicados por Edicións Fervenza!

Presentáronse en Santiago os libros do Camiño Inglés e Camiño Portugués no que se recollen as peripecias desta simpática familia no seu percorrido para chegar a Compostela e que nos contan en galego, castelán e inglés!

No acto acompañáronnos os seus creadores, os escritores Toño Núñez e Xoán Carlos García Porral e o ilustrador Gabi Iglesias Sanmartin. Así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os libros

Os Balbinos son unha colección de catro libros infantís-xuvenís, en tapa dura, ilustrados a toda cor e narrados en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Neles recóllense as aventuras da familia dos Balbinos, os pequenos Lúa e Bal e os seus pais Lena e Lino, nas súas andainas polas distintas rutas do Camiño de Santiago nos tramos galegos.

Camiño Francés e Ruta da Prata foron as primeiras publicacións da colección ás que agora se suman o Camiño Inglés e o Camiño Portugués.

Nesta nova camiñata, a que ocupa o Camiño Inglés, o lector acompañará á simpática familia descubrindo, xunto a eles, os distintos lugares de interese dos concellos polos que transcorre esta ruta, coñecendo os seus atractivos culturais, paisaxísticos, festivos, gastronómicos, relixiosos... que nesta ocasión os levará a coñecer a historia dos concellos polos que transcorre o Camiño Inglés, pasando por Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Mesía, Ordes, Oroso ata rematar en Santiago de Compostela.

Do mesmo xeito, a seguinte obra, a que ocupa o Camiño Portugués, centrará as aventuras da familia naqueles lugares polos que transcorre dita ruta dende Tui pasando por O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Brión, Teo, Rois, Ames ata chegar a Santiago de Compostela. 

Esta colección de libros infantís-xuvenís, editada por Edicións Fervenza, enmárcase dentro das axudas de dinamización do Xacobeo 2021, «O teu Xacobeo» da Xunta de Galicia.