A Capela do Pilar, en Corcubión acolleu a presentación do libro de teatro Pallaso, obra gañadora do Premio de Teatro Varela Buxán, publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Fernando Castro.
No acto, os asistentes gozaron da lectura dramatizada dunha das escenas da obra por parte das actrices Elisa Lema, Andrea Rodríguez e Lucía Senra, de Farándula Velutina.
Pallaso
Damas e cabaleiros, ladies and gentlemen, mesdames e messieurs, con todos vostedes a verdadeira e singular historia do gran Bobi, un xenio cómico dos nosos días que se viu forzado a abandonar a calor das multitudes baixo a carpa do circo para seguir facendo rir á xente nas rúas húmidas e frías de calquera cidade, por un puñado de moedas. Unha historia exemplar sobre o fracaso que fará as delicias de nenos e nenas. Comedia! Melodrama! Pallasos! Ananos acróbatas! As miserias da vida ante os seus ollos polo módico prezo dunha entrada!
Quen podería resistirse? Non se perdan o maior espectáculo do mundo!
(Nota de descargo: neste circo non se maltratan animais; só bípedes máis ou menos racionais.).
Colaboracións
Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Concello da Estrada e a Promotora e Construtora Bamarti.