José-Domingo Vales Vía presentou en Betanzos o libro “O día que detivemos o tempo”

José-Domingo Vales Vía presentou en Betanzos o libro  “O día que detivemos o tempo”

O Edificio Liceo de Betanzos (Aula da Cultura Xulio Cuns – Praza de Galicia, 1) acolleu a presentación do libro “O día que detivemos o tempo” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de José-Domingo Vales Vía. O autor estivo acompañado por María Teresa Amado Rodríguez, profesora de filoloxía grega da Universidade de Santiago de Compostela e Lauro Xosé Pedreira Ares, licenciado en dereito e profesor.

A obra

O día que detivemos o tempo é unha quimera na que se recrea certa insólita situación. Logo dunha serie de vicisitudes –moitas delas, evidentemente históricas–, son convocadas por unha xornalista da Habana, seis escritoras galegas (Concepción Arenal, Fanny Garrido, Rosalía de Castro, Emilia Pardo-Bazán, Filomena Dato Muruais e Sofía Casanova) para unha entrevista colectiva. Nela aportarase experiencia e coñecementos, apoiando un labor social en favor da muller, en xeral, e particularmente, da muller galega emigrada en Cuba, buscando a súa maior proxección social e dignificación da condición feminina.

Estas escritoras, malia non haberse coñecido persoalmente algunhas delas, si coexistiron durante un período de vinte e catro anos naquela sociedade de finais do século XIX español, dominada polos indómitos e inseguros cerebros de moitos varóns. Elas, rompedoras de incontables tabús e propagadoras das súas pretendidas reivindicacións en defensa da muller, responderán nesta historia novelada, cos seus propios textos, as cuestións que máis puidesen interesar ó lector para o cal traballaba a xornalista cubana. Un tema latente dende que o mundo é mundo; de onte, de hoxe, de sempre e dificilmente invulnerable