Manuel Fiúza presenta en Vila de Cruces a súa ópera prima Cando fun paxaro

Manuel Fiúza presenta en Vila de Cruces a súa ópera prima Cando fun paxaro

O Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces acolleu a presentación do libro “Cando fun paxaro” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Manuel Núñez Fiúza.

En dito acto, o autor estivo acompañado por José Antonio Fondevila, ilustrador do libro; Julio López, concelleiro de Cultura e tenente de alcalde do Concello de Vila de Cruces; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A obra

“Cando fun paxaro” érguese como un pequeno conto que incita á reflexión do lector cunha clara referencia á defensa da tradición oral dos contos e dos encantamentos, sempre contextualizados na paisanaxe galega.

Trátase dun conto xuvenil onde o protagonista é un paxaro que reflexiona mentres conta os seus pensamentos e os seus soños ata sufrir unha metamorfose e transformarse nun xoven. Un auténtico canto á liberación con pequenas trazas autobiográficas e unha clara defensa da tradición oral galega.

Un relato presidido pola bandeira da natureza como un reflexo da vida do autor, sempre pegado ao campo, aos soutos, ao mar... Sempre sacudido e agasallado polos invernos e polas primaveras, polos outonos e polos veráns. Sempre explorando camiños novos e observando o comportamento humano, todas aquelas pequenas cousas que conforman a vida.

Cada un dos capítulos deste relato acompáñase de magníficas ilustracións de José Antonio Fondevila, que dotan de maior intensidade o relato, como un escenario no que ambientar o conto e transmitindo coas súas cores ese mesmo sentimento de pertenza a terra que procura o autor da obra, marcado polo predominio dos verdes, marróns e azuis da paisaxe galega.

Cabe sinalar que esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.