Xa temos gañador do VI Concurso Balbino de Relatos!

Xa temos gañador do VI Concurso Balbino de Relatos!

Xosé Alfredo Naz Fernández resultou ser o gañador do VI Concurso “Balbino” de Relatos, coa obra presentada baixo o título O afiador e lema "Terra da Chispa". O autor verá publicada a obra por Edicións Fervenza, sendo ademais, beneficiario dun premio por valor de 1.500 euros.

O xurado, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Xoán Carlos García Porral (profesor e escritor), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario) destacaron a estimable participación nesta convocatoria, na que concursaron preto dunha vintena de orixinais, tanto relatos como novelas, de notable calidade, que achegaron diferentes visións do rural galego, a emigración e o mar, valorando a defensa da nosa cultura, o que permite consolidar este premio como un referente para os nosos escritores e escritoras.

Non obstante, o xurado inclinouse por outorgar o premio, por maioría, ao texto presentado baixo o título O afiador, que correspondía co lema “Terra da Chispa”, resultando da autoría do vigués Xosé Alfredo Naz Fernández. 

"O xurado estimou nesta proposta o suxestivo ganduxado de diversas historias que teñen como común denominador a figura emblemática do afiador. Os personaxes que aquí comparecen son un espello da nosa paisaxe e paisanaxe, que se configura como unha homenaxe ao noso universo telúrico, con intelixentes insercións de diferentes materiais da nosa mellor literatura de tradición oral, todo orquestrado nunha estrutura consistente, de implicacións cruzadas que se amosa como un perfecto mecano narrativo.

Así mesmo, o xurado quere salientar a estimable participación nesta convocatoria e a calidade dalgúns dos textos presentados, que incluíron tanto conxuntos de relatos coma novelas.".

Proximamente daremos conta da data de publicación.