A Casa Museo dos Pendellos de Agolada acolleu a presentación do libro “Teatro de Pintor” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Xosé Vázquez Pintor.
Mestre de profesión, investigador, poeta, loitador das letras e do patrimonio, Vázquez Pintor destaca polo seu labor en prol da cultura, a lingua e a literatura. Claro exemplo está neste libro, no que se recollen dez obras de teatro de Xosé Vázquez Pintor, algunhas xa publicadas e outras inéditas, todas xuntas nun volume baixo o nome de "Teatro de Pintor" co que se pretende homenaxear a un dos dramaturgos galegos máis sobranceiros.
No acto, o autor estivo acompañado polo fotógrafo e escritor Ángel Utrera; o profesor e escritor Antom Laia; o profesor e poeta David Otero; a profesora e escritora Charo Golmar; o alcalde do Concello de Agolada, Luis Calvo; e numerosos amigos e vecinos.