Rosalía Morlán presenta en Santiago o libro infantil “O dragón Antón e o sapo Rosendo viaxan ata os faros”

Rosalía Morlán presenta en Santiago  o libro infantil “O dragón Antón e o sapo Rosendo  viaxan ata os faros”

O Salón Teatro de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 34)acolle este venres 20 de decembro, ás 20:00 h, a presentación do libro infantil ilustrado “O dragón Antón e o sapo Rosendo viaxan ata os faros”, da autoría de Rosalía Morlán e publicado por Edicións Fervenza.

No acto, a autora estará acompañada do profesor, escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo; do ilustrador do libro, Gabriel Iglesias; da alcaldesa do Concello de Trazo, Josefina Suárez; e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.

Contarase ademais co acompañamento musical da Coral de Habaneras da Rocha Forte.

Durante o acto teremos unha sorpresa que se desvelará a todos os asistentes durante o propio acto e que de seguro non deixarán indiferente a ninguén.

O libro

“O dragón Antón e o sapo Rosendo viaxan ata os faros”, é a nova aventura creada por Rosalía Morlán na que os pequenos lectores, acompañarán a estes simpáticos dragón e sapo no seu percorrido coñecendo a costa galega e os seus faros.

Trátase dun libro en tapa dura, ilustrado a toda cor por Gabriel Iglesias Sanmartín, que segue a estela da súa primeira andaina, recollida no anterior libro “O dragón Antón e o sapo Rosendo”.

Non obstante, nesta ocasión os seus protagonistas, o dragón Antón e o sapo Rosendo deciden saír do seu fogar, o Castelo de Rocha Forte, e embarcarse nunha nova aventura que os levará a descubrir os faros de Galicia e a súa importancia.

Unha historia rimada para aprender máis sobre a costa galega e os seus lugares máis máxicos na compaña de Antón, Ronsendo, e todos os amigos que coñecerán nesta nova aventura.

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da panadería Cervela, o restaurante O Encanto do Camiño, o Concello de Trazo e a secretaría xeral da Lingua da Xunta de Galicia.

A autora

Rosalía Morlán Viéites (Trazo, A Coruña, 1959). Supervisora de enfermaría no Hospital de Conxo (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago). Profesora asociada de Ciencias da Saúde na Universidade de Santiago de Compostela.

Ten colaborado nas revistas Gemma, Clarín, La Peñorra, Acento e Promesas; asemade, os seus poemas forman parte da publicación Antología Clarín de Poesía, tomo II, da Editorial El Paisaje (1982).

Os seus traballos foron premiados en diferentes certames literarios: 1º premio (Cardo de Prata) na XIII edición da “Fiesta del Aquelarre Poético Hogueras de San Juan” (A Coruña) nos anos 1983, 1984, 1988 e 2001. Finalista do premio de poesía “Rosa de Oro”. Gañadora do V Premio de poesía sobre la mar “Brisa marina” (2011) e do premio “Hernán Esquío” de poesía en dúas ocasións (2012 e 2017) que convoca a SAF (Sociedad Artística Ferrolana). A coitada lúa (Ed. Fervenza, 2010) resultou finalista (mención de honra) do premio “Arume” de poesía (2009). Participou nas obras colectivas Libro dos Reis Magos (2012) e Cancioneiro do Camiño, libro-disco de Manoele de Felisa (2020).

Ten publicado: Estrelas de azucre (Ed. Fervenza, 2012), O libro do mundo dos soños (Técnicas & Gramaxe, 2013), O Castelo da Rocha Forte (Asoc. Cultural Rocha Forte, 2014), Canta a lúa coas estrelas (Ed. Fervenza, 2015), Nas rúas de Compostela (Ed. Fervenza, 2016) e O dragón Antón e o sapo Rosendo (Ed. Fervenza, 2019), Camelias de amor (Ed. Fervenza 2022) e Cando o avó esqueceu o meu nome (Editorial Galaxia, 2023).