A actriz Antela Cid presenta en Vigo o seu novo libro infantil “Daniela e a horta do avó”

A actriz Antela Cid presenta en Vigo o seu novo libro infantil “Daniela e a horta do avó”

A Biblioteca Municipal da Escola de Artes e Oficios de Vigo (EMAO),acolle o luns 16 de decembro, ás 18:30 h, a presentación do libro infantil Daniela e a horta do avó, publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Antela Cid e ilustrado por Anabel Montouto.

No acto, autora e ilustradora estarán acompañadas pola escritora Silvia Penas.

Contacontos

Para que todas as persoas asistentes, pequenas e adultas, gocen dunha xornada divertida e entretida, Antela Cid realizará unha sesión de contacontos co libro presentado.

O libro

Daniela e a horta do avó é un conto infantil ilustrado a toda cor, no que os pequenos lectores descubrirán o mundo da horta e o rural. Trátase dun conto a xeito de rima para inculcar nos máis cativos a importancia da horta, á par que a súa protagonista, Daniela, descubre os coidados das distintas plantas e os seus procesos antes de converterse en alimento.

Un conto no que a aldea cobra protagonismo e tamén a figura dos avós, como Pepe, que traslada a súa sabedoría á pequena Daniela. Un xeito de transmitir a tradición e cultura popular mentres xoga coa súa pequena neta.

Cabe sinalar que, ao final do libro, os pequenos poderán comprobar todo o aprendido coa lectura a través de varias actividades didácticas.

Colaboraron na publicación do libro

A publicación do libro “Daniela e a horta do avó”, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.

A autora

Antela Cid. Sempre mostrou atracción polas historias, por iso se decantou polo mundo da interpretación para, como di: “xogar nos teatros”. Estudou no “Laboratorio de teatro William Layton” e na ESADG, sendo así egresada en interpretación textual. Pero tamén aprendeu sobre a igualdade entre as persoas estudando un máster na USC, e agora como lle gusta o mundo dos cativos, está formándose en educación infantil.

Este é o segundo conto que realiza con Anabel Montouto e con Edicións Fervenza, despois de publicar “A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas”.

No seu día a día, dá clases de teatro a nenas e nenos, a adultos e a persoas discapacitadas. Tamén imparto talleres de igualdade e ten unha compañía de teatro xunto con Fran Peleteiro, a “Compañía humana”.

Como actriz de cine e televisión colaborou en películas e tvmovies como: “Hotel Tívoli”, “Doentes”, “O club da calceta”, entre outras. Formou parte do elenco de “Tartufo” de Molière para o CDG, tamén das pezas “Da Vinci tiña razón”, “Mambo” e “Romeo e Xulieta”. “Casa Manola” e “Miña sogra e máis eu”, son series nas que participou para a TVG.

Tamén traballou como guionista, tradutora e dramaturga do documental o “Incerto señor Cunqueiro”, e é coautora xunto con Fran Peleteiro do libreto do musical “Galicia Canibal”.

A ilustradora

Anabel Montouto. Natural de Oca (A Estrada), dende pequena gozaba creando mundos imaxinarios, debuxando, pintando, escribindo... Nunca deixou de facelo e co seu mestre, Baldomero Calviño, foi mellorando no debuxo e na pintura ata chegar a estudar Belas Artes en Pontevedra, onde anos máis tarde cursaría un mestrado de Dirección de Arte en Publicidade.

Entre os seus traballos literarios destacan a súa colaboración no libro Versos e bolboretas (Edicións Fervenza, 2017), Chitón ata a Fin da Terra (Edicións Fervenza, 2018), A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas (Edicións Fervenza, 2023) e, agora, Daniela e a horta do avó (Edicións Fervenza, 2024).