O Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acolle o venres 26 de abril, ás 20:00 h, unha sesión de contacontos infantil da man da actriz galega Antela Cid e o seu primeiro libro, A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas, publicado por Edicións Fervenza,e ilustrado por Anabel Montouto.
Especialmente indicado para o público máis cativo, a experiencia dramaturga da autora, que participou en series tan recoñecidas como “Hotel Tívoli”, “Casa Manola” ou “La que se avecina”; de seguro fará as delicias de todos os asistentes, como así xa o fixo recentemente en Vigo e Pontevedra, chegando agora á localidade silledense.
O libro
A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas é un conto infantil ilustrado a toda cor e en tapa dura, no que os pequenos lectores descubrirán a importancia da reciclaxe e o respecto e coidade da natureza e o medio que nos rodea a través dunha renovada visión, usando esas historias de reis e raíñas, de mundos fantásticos que, nesta obra, se mesturan con elementos do noso entorno, convertendo en protagonistas a botas, gotas e mochilas.
Unha historia marcada pola aventura e a diversión da que dá boa conta o traballo conxunto de Antela Cid e da ilustradora, Anabel Montouto, que co seu traballo enche de cor e personalidade ao texto, creando unha simbiose perfecta.
Trátase de inculcar o dar unha segunda vida a aquilo que xa non é útil para o seu propósito inicial pero que permite manter vivo o noso mundo, a fermosa lagoa, pero cun transfondo que vai moito máis alá na creación e consolidación da personalidade e educación da infancia.
Cabe destacar que, ao longo deste conto descubriremos unha historia de concienciación sobre a reciclaxe, pero tamén outros aspectos que afectan a toda a sociedade, como o respecto e a fraternidade. Un rei enlouquecido polo aspecto físico, metáfora que podemos extrapolar á vida real na que o afán por aparentar pode acabar con nós, en sentido figurado... ou non. Ou como unha pinga, tan diferente de por si a unhas botas, acaba establecendo unha gran amizade con alguén tan diferente a ela mesma e, por suposto, o respecto por unha manta vella chea de sabedoría e vivezas que representa a importancia de aprender dos nosos maiores e o respecto que por eles debemos profesar. Inculcar valores que nos permitan avanzar con comprensión e respecto dentro da sociedade da que formamos parte.
Colaboraron na publicación do libro
A publicación do libro “A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas”, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello da Estrada e do Concello de Silleda.
A autora
Antela Cid. Recibe o seu nome da lagoa próxima a aldea da que proceda a súa familia, situada entre os concellos de Xunqueira de Ambia, Xinzo de Limia e Cortegada. Dende cativa os seus avós contábanlle historias e lendas sobre ela, mentres gozaba dos veráns nese lugar durante a súa infancia e adolescencia.
Sempre gustou de facer teatro, cursando estudos no “Laboratorio de teatro William Layton”, obtendo despois máster na “Escuela libre de interpretación” de Sanchís Sinisterra, e licenciándose en interpretación textual na ESAD de Galicia.
Como actriz de cine e televisión colaborou en películas e tvmovies como: “Hotel Tívoli”, “Doentes”, “O club da calceta”, entre outras. Formou parte do elenco de “Tartufo” de Molière para o CDG, tamén das pezas “Da Vinci tiña razón”, “Mambo” e “Romeo e Xulieta”. “Casa Manola” e “Miña sogra e máis eu”, son series nas que participou para a TVG.
Tamén traballou como guionista, tradutora e dramaturga do documental o “Incerto señor Cunqueiro”, e é coautora xunto con Fran Peleteiro do libreto do musical “Galicia Canibal”.
A ilustradora
Anabel Montouto. Natural de Oca (A Estrada), dende pequena gozaba creando mundos imaxinarios, debuxando, pintando, escribindo... Nunca deixou de facelo e co seu mestre, Baldomero Calviño, foi mellorando no debuxo e na pintura ata chegar a estudar Belas Artes en Pontevedra, onde anos máis tarde cursaría un mestrado de Dirección de Arte en Publicidade.
Entre os seus traballos literarios destacan a súa colaboración no libro Versos e bolboretas (Edicións Fervenza, 2017) e todas as ilustracións de Chitón ata a Fin da Terra (Edicións Fervenza, 2018). Listado ao que agora se suma A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas (Edicións Fervenza, 2023).