Xacobe Medina Dacasa presenta en Pontevedra o libro “Breve historia da normativización do galego”

Xacobe Medina Dacasa presenta  en Pontevedra o libro  “Breve historia da normativización do galego”

O Museo de Pontevedra, acolle este venres 1 de marzo, ás 19:30 h., a presentación do libro Breve historia da normativización do galego (A verdade tras o Decreto Filgueira), da autoría de Xacobe Medina Dacasa e publicado por Edicións Fervenza.

Acompañarán ao autor a escritora, profesora e prologuista do libro, Fina Casalderrey; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez. Para pechar o acto, Xacobe Medina ofrecerá unha actuación musical para todos os presentes.

O LIBRO 

Breve historia da normativización do galego (A verdade tras o Decreto Filgueira), érguese como un libro no que, a modo de tese, Xacobe Medina recompila como se foi reconstruíndo a lingua galega e o labor dos seus artífices despois do silencio, abandono, deterioro e desprezo oficial de séculos. Nela describe as descubertas, as certezas e as dúbidas, exhibe probas, fai análises ou tira conclusións, despois de chegar ás fontes xenuínas a través dun arduo estudo de campo e documentación. Unha tese que reve información veraz, esforzo por mostrala de maneira sinxela e con entusiasmo, sen renunciar á amenidade dun relato de ficción, nin a anécdotas que alixeiran e iluminan o percorrido nos tramos máis avesíos ata chegar a unha paisaxe de luz.

En palabras do propio autor: A motivación para este libro foi a exhortación por parte do exdecano da Facultade de Filosofía, Marcelino Agís, a facer unha biografía do meu bisavó. Eu non podía facer tanto, pero si tratar de responder aos interrogantes sobre o decreto de normativización lingüística que el firmou, ademais de utilizar o ano 2020 de homenaxe a Carballo Calero, momento no que fixen o 90% do libro, como pretexto. Nel, penso que ides atopar o primeiro resumo total do proceso de normativización do galego. Partindo incluso da orixe da lingua.

Pero achegámonos un pouco máis a esta obra da man do propio Xacobe Medina cun  pequeno cuestionario sobre o libro e a súa escrita.

  • Que novos datos proporcionas nesta obra que supoñan un punto de referencia para os lectores?
    Realmente novo, que non se escribira antes, o que poden atopar é a explicación verdadeira ao Decreto Ortográfico da Xunta de Galicia.
  • Como inflúe a figura do teu bisavó, Xosé Filgueira Valverde na túa escrita?
    Como escritor non inflúe moito, pero como figura intelectual é fundamental xa que probablemente gran parte do que fixen se debe a escoitar a Alonso Montero, Fina Casalderrey e Xesús Ferro falar do meu bisavó como falaron no 2015 (ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas).
  • Cando e como foi ese momento de descubrir, máis aló do ámbito familiar, a relevancia da figura de teu bisavó?
    Brutal. De súpeto dinme conta da verdadeira importancia do saber e da relevancia da lectura como medio para alcanzar un desenvolvemento persoal sólido.
  • Descender dunha figura tan relevante para as letras galegas supón un orgullo pero, embarcándote no mundo da literatura tamén supón unha carga? Existe o medo ás comparacións?
    Non teño medo as comparacións porque serían ridículas. O meu bisavó foi unha persoa que leu o Quijote con cinco anos e sacou premio extraordinario en duas carreiras feitas á vez (Dereito e Filosofía e Letras). Foi un sabio e non teño medo en recoñecer que tiña unha capacidade moi superior á miña nese ámbito.
  • Tes no teu haber publicacións de ensaio, relatos, novela... Que destacarías de cada un dos teus títulos e como incitarías á lectura dos mesmos?
    Pois creo que todos eles teñen algo en común que para min os fai dignos de lectura máis alá de que, como a maioría da xente que se dedica a isto, cambiaría gran parte de todo o que teño escrito. E é que están escritos para facer pensar, e creo que dificilmente o lector non atopará algo replantearse certas cousas en todos eles.
  • O subtítulo “A verdade tras o decreto Filgueira”, achega de novo o protagonismo á figura do teu bisavó...
    Ou non, quizais precisamente ao contrario...
  • Non chegaches a coñecelo pero de seguro que o que che trasladou a túa familia e todo o investigado che permite ter unha idea do que pensaría do teu traballo. Que cres que che diría?
    Que non pare de traballar, sempre con honestidade, pero que o que fago paga a pena.
  • Contas no prólogo coa colaboración de Fina Casalderrey. Que supuxeron para ti as palabras que dedica á obra?
    Pois é un dos maiores regalos que me teñen feito. Fina é unha mestra da palabra e da vida, e obter ese recoñecemento pola súa parte é un orgullo enorme. Non lle podo estar máis agradecido, ao marxe de que o prólogo sexa dunha calidade extraordinaria.

COLABORACIÓNS

A publicación do libro Breve historia da normativización do galego (A verdade tras o Decreto Filgueira), editado por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O AUTOR

Xacobe Medina Dacasa nace en Pontevedra no ano 2000. É licenciado en Filosofía pola USC e ten o grao profesional de violín e viola polo Conservatorio Manuel Quiroga.

Dende neno mostra un alto grao de interese pola música que o leva a estudar violín, e posteriormente viola, no CMUS Manuel Quiroga. Aos 14 anos entra como violinista titular da Orquesta de Niños Sinfónica de Galicia. Entre o 2015 e 2016 comeza a compoñer pequenas obras para coro e orquestra que son interpretadas polo coro Luis García Limeses e a orquesta do conservatorio de Pontevedra.

No ano 2017, altamente influenciado polo seu bisavó Xosé Fernando Filgueira Valverdese, iníciase na literatura dando lugar ao seu primeiro libro La vida actual según los dioses, á que seguirían Adral da filosofía, no 2019, e Memorias dun profesor, no 2020 (Edicións Fervenza).No 2023 publica a súa primeira novela Lembranzas dun mestre subversivo (Xerais).

Destaca tamén como compositor de pequenas pezas de coro e orquestra e é autor da canción Tan Largo El Amor que acadou grande éxito en Spotify.