Santa Comba acolle a presentación do último libro de Xoán Xosé Fernández Abella, “Últimos poemas de eloxios e outros poemas”

Santa Comba acolle a presentación do último libro de Xoán Xosé Fernández Abella, “Últimos poemas de eloxios e outros poemas”

Ler Librerías Santa Comba (Rúa de Rosalía de Castro, 32), acolle o sábado 21 de outubro, ás 18:00 h, a presentación do libro Últimos poemas de eloxios e outros poemas, publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Xoán Xosé Fernández Abella, falecido o pasado 17 de agosto coa obra nas máquinas da imprenta e que non puido ter nas súas mans o libro impreso.

No acto, que se ergue tamén como unha homenaxe póstuma ao autor, participarán a profesora Diana Pastoriza Espasandín, o historiador Amancio Liñares Giraut e o escritor Xosé Manuel Lobato Martínez.

O libro

Últimos poemas de eloxios e outros poemas é o último poemario da autoría de Xoán Xosé Fernández Abella, quen lamentablemente faleceu antes da presentación da obra. Si cabe sinalar que este compendio de poemas son unha clara mostra do seu legado na escrita, con versos marcados pola louvanza e eloxios que Abella quixo deixar patentes neste libro a  distintas persoas que el admiraba ou que foron parte importante na súa vida e tamén un recoñecemento a outras persoas destacadas da literatura, a música e outras artes que neste poemario se ven reflectidos.

Estes últimos escritos de Xoán Xosé Fernández Abella son un claro exemplo de galeguidade, compromiso coa cultura, admiración polas persoas e voz da igualdade.

Un volume que se acompaña das ilustracións de María Guerrero que, coa súa sutileza, combinan á perfección con este compendio de poemas cheos de gabanzas. Un tándem perfecto como despedida dun gran poeta e escritor.

No limiar do libro do profesor e escritor Xesús Alonso Montero podemos ler:

“O autor deste libro naceu, en Monforte de Lemos, o 11 de setembro de 1933; cumprirá axiña noventa anos e parece que quere despedirse do público lector con Últimos poemas de eloxios e outros poemas. Non será así, pero, se fose así, o escritor despedirase cun libro nobre e conmovente gobernado, en cada páxina, pola bondade e a poesía”.

Lamentablemente unha despedida, pero como o ilustre académico sinala, despedida cun libro nobre e gobernado pola bondade e a  poesía.

Colaboraron na publicación do libro

A publicación do libro “Últimos poemas de eloxios e outros poemas”, editado por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do establecemento de restauración O Encanto do Camiño, de Lamela en Silleda, Pontevedra.

BREVE BIOGRAFÍA DO AUTOR

Xoán Xosé Fernández Abella nace en Monforte de Lemos o 11 de setembro de 1933. Faleceu o 17 de agosto de 2023.

Mestre por Ourense e Licenciado en Dereito por Santiago. Viviu en Ourense do 1946 ó 1966, traballando de administrativo e dando clases particulares. Do ‘66 ó ‘72, emigrou en Venezuela, colaborando na revista Irmandade da Hermandad Gallega de Venezuela e na emisión radial Sempre en Galicia de Radiodifusora Venezuela. Regresou no ‘72 e xubilouse de mestre no 1999 en Roxos (Santiago de Compostela). Pertenceu á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Entre as obras que nos deixa:

- “Poemas galegos. Inquietudes, Hallazgos y otros Poemas”, Viveiro 1976. Ilustracións de Carlos Mourón.

- “Escolma de poemas. Espigueo lírico”, Ediciós do Castro, Poesía. Prólogos de Siro, 1990. Ilustracións da miña dona († 1991) Mercedes Álvarez Lage.

- “Poemas estradenses e catorce poemas máis”, Edicións Fervenza, 2.005. Prólogo de Baldomero Iglesias Dobarrio, “Mero”.

- Do libro de José Juán Pérez Gómez, “Caramiñas”, titulado: “Sonatas (versos), poesías recuperadas, artigos”, escribiu o pórtico (un soneto en galego), un limiar de 58 páxinas e tres poemas seus en castelán, como toda a súa obra, traducidos por el ó galego. Este libro está editado por Grafinova S.A., Santiago de Compostela, 2006.

“Poemas de amor, loanza, condena e outros”, limiar de Xesús Alonso Montero, número 1 da colección Os libros do loureiro, retrato do autor por Vicente Eyre, foto da portada de Baldo Ramos, editorial Follas Novas, Santiago 2011.

- “Guardad mi voz”, prólogo de Xesús Alonso Montero, foto da portada de Baldo Ramos, retrato do autor por Vicente Eyre e sete ilustracións de Baldo Ramos. Editorial Follas Novas, Santiago 2014.

-  “Loanzas sentidas e outros poemas”, prólogo de Xesús Alonso Montero e ilustracións de Sabela Arias Castro. Editorial Follas Novas, Santiago 2018.

Colaborou tamén en libros colectivos, dedicados a Curros Enríquez, Roberto Blanco Torres, Lorca, Ánxel Casal, etc, moitos deles coordinados por Alonso Montero, e en “Poemas á nai” coordinado por Xesús López Fernández (†) con ampla biografía súa. E tamén en Xistral, Poesía Galicia, Galicia Digital, etc.