Fin de semana poético en Sober e Taboada da man de Xosé Lois García

Fin de semana poético en Sober e Taboada da man de Xosé Lois García

Xosé Lois García presenta esta fin de semana o seu libro de poemas “Cancioneiro profano”,  publicado por Edicións Fervenza, e ilustrado por Xosé Randolfe.

Venres 6 en Sober

A primeira das citas será este venres 6 de outubro, ás 20:30 h, no Salón de actos da Casa da Cultura de Sober. No acto, o autor estará acompañado polo musicólogo Alfonso Campos, o ilustrador do libro Xosé Randolfe, e o alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián. Ademais, contarase co acompañamento musical do grupo “Os Parentes”.

Sábado 7 en Taboada

Pola súa banda, na xornada do sábado 7 de outubro, será a Casa Cuartel Vello (Avda. de Lugo, 57) en Taboada a que acollerá,ás 20:30 h, a presentación do libro “Cancioneiro profano”. Nesta ocasión, autor e ilustrador estarán acompañados polo profesor e escritor Ramón Caride e o concelleiro de Cultura do Concello de Taboada, Manuel Diéguez.

A obra

Cancioneiro profano é un libro de poemas dividido en dous apartados diferenciados, por unha banda, un inicial “cancioneiro profano” marcado por versos de temática social, comunal coa súa xente e a súa paisaxe. Marcado este primeiro tramo de lectura por unha aceda crítica na que se mostra a nudez de cóengos, banqueiros, políticos... cunha sinxeleza formal para transparentar a ansia comunicativa da mensaxe. Son cantigas de desespero, de esmoleiros, de desposuídos e comestos por réditos, de paisaxes destruídas polo afán especulativo, cal pedras que nos atacan coa negrura humana e que nunca pasa de moda. Mentres, a segunda parte do poemario céntrase na temática amatoria nun “Cancioneiro de amor anticipado” con versos de amor lento e sedoso, que navegan polos ríos da pel, cunha paixón nada incómoda na que o pracer e o éxtase nace da mesma raíz dos cabelos.

Do combate ao amor, como unha mensaxe á humanidade, esa que ansían os poetas novos e que Xosé Lois García viste nesta obra, como quen se ergue ilusionado para gozar dun novo amencer. Aberto á vida e ao mundo. Negrura e paixón, nuns versos que adquiren maior forza coas ilustracións que acompañan a cada un dos poemas e da autoría de Xosé Randolfe.

Colaboracións

A publicación deste libro, editado por Edicións Fervenza contou coa colaboracióndo Concello de Sober e do Concello de Taboada. Pola parte ilustrativa, a colaboración correu a cargo do ilustrador Xosé Randolfe.

O autor

Xosé Lois García, naceu en Lugo en 1945. Criouse na parroquia de Merlán (Chantada) e emigrou aos vinte anos a Barcelona, onde traballou como metalúrxico e noutras faenas laborais. Fixo estudos de Socioloxía no Institut de Cièncias Socials i d’Estudis Polítics de Barcelona que abandonou para licenciarse en Filosofía e Letras (especialidade de Historia Contemporánea), na Universidade de Barcelona. Exerceu de profesor. Foi fundador e director do Arquivo Histórico Municipal e responsábel de Patrimonio Histórico e Cultural do concello de Sant Andreu de la Barca (Barcelona), alí traballou até a súa xubilación onde se dedicaron dous parques, un co nome de Rosalía de Castro, con poemas seus gravados en pedra. O outro parque está dedicado a Castelao, con debuxos deste autor de cerámica de Sargadelos. Xosé Lois García é fillo adoptivo de Sant Andreu de la Barca.

A súa obra multiplícase en moitas frontes: animador da cultura galega en Cataluña, conferenciante, articulista, crítico literario e de arte, especialista en literatura de expresión portuguesa en África (onde viaxou en moitas ocasións, igual ca Brasil, Cuba, Arxentina, Paraguay, etc.), é autor de antoloxías poéticas de Portugal, Galiza, Mozambique, Angola, Guiné-Bissau, Timor, Brasil, São Tome e Príncipe.

As súas publicacións sobre literatura e historia están recollidas en numerosas publicacións de todo o mundo. Ninguén fixo tanto para darnos a coñecer as esencias dos pobos que falan a nosa lingua, o universo lusófono como Xosé Lois García cos seus máis de cen libros sobre diversas temáticas que abranguen narrativa, ensaios, teatro, literatura infantil, temas históricos e etnolóxicos. Conta con máis de trinta poemarios. Activista social de base, loita a cotío pola recuperación do noso patrimonio románico na Ribeira Sacra. Fundador da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada (AARCC). Autor de estudos, publicados en libro, sobre a “Simboloxía do románico” de Amarante (Portugal) dúas edicións, de Pantón dúas edicións, de Sober, de Chantada, do Saviñao, de Penafiel (Portugal), de Paradela e Portomarín, e da Ulloa.

Entre as súas publicacións destacan as colaboracións con Edicións Fervenza, coas obras de teatro A feira do cinco, O reloxo de Merexildo, Mirafentos, O proceso a Lucía Fidalgo, Auto do demo e da viñateira, Unha cunca de caldo quente e o poemario No soño dos ollos, listado ao que agora se suma este libro, Cancioneiro profano.

O ilustrador

Xosé Randolfe Vilariño, naceu en Carballedo en 1960. Entre 1984 e 1989 estudou Artes Aplicadas, especialidade de esmalte, na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Realizou viaxes de formación a París e Florencia e tamén fixo estudos de Xeografía e Historia e de Enxeñería Técnica Forestal. A súa pintura é froito dunha ampla mestizaxe, na que se atopan contribucións do expresionismo, surrealismo, nova figuración, arte pop, etc. Tamén realizou incursións na escultura.

Entre as súas exposicións iniciais destacan a súa participación en 1987 como convidado na Bienal de Esmalte de Limoges (Francia) na sección de novas tendencias na arte do esmalte (fóra de concurso) e, en 1989, participa en Artistas en Compostela, Casa  da Conga, na Sala de Exposicións da Universidade de Santiago de Compostela.

Coa chegada do novo século, no 2000, participa na exposición itinerante Olladas, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. En 2010, expón Traballos de outono no Saviñao (Lugo) e Pinturas de Randolfe Vilariño na Casa da Cultura de Chantada. En 2013 participa na exposición colectiva Creacións interiores: artistas da Ribeira Sacra, no Centro do Viño de Monforte de Lemos. Xa no 2014 mostra na Galería Tony Ferrer de Ourense, mentres que en 2017 Escolma exponse no Museo Provincial de Lugo. A súa exposición máis recente foi no Círculo do Saviñao, en 2018, con Última obra.