A miña gata Piu

A miña gata Piu

Fernando González Graña, presenta en Cuntis o seu poemario infantil "A miña gata Piu". Este fermoso libro conta coa colaboración de preto de vinte ilustradoras e ilustradores que aportan moito colorido e unha visión distinta a cada poema.

O amor e preocupación polas crianzas amosado no seu anterior libro Zapatos Máxicos volve reflectirse neste poemario, A miña gata Piu. Os poemas que o compoñen están envoltos en evocacións, tenrura e humor. Fernando vai creando un universo poético que contén obxectos, animais e actos cotiás. A natureza está ben presente, pero tamén os elementos afectivos que cada persoa posúe. Podemos atopar algún carballo, o croar dunha ra, a casa dos mexillóns, froitas variadas ou un polbo xunto a elementos do día a día, coma os semáforos, o médico, a escola, o canto do tren, unhas folerpas (Paseniño van caendo / anacos brancos do ceo…), os dedos da man ou como quenta o lume entre outros.

En fin, un poemario vitalista, alegre, reivindicativo, fresco, cunhas ilustracións de diversas persoas, que lle dan variedade e acompañan con cariño os versos do poeta.