Ola, amigas e amigos.
Somos Lúa e Bal e os nosos pais chámanse Lena e Lino, e á nosa familia chámannos «Os Balbinos”.
Estamos percorrendo as distintas Rutas do Camiño ata Santiago de Compostela
nos tramos que corresponden a Galicia, e todas as nosas aventuras contámolas nos nosos libros.
Xa realizamos as rutas máis importantes do Camiño de Santiago, o Camiño Francés, a Ruta da Prata, o Camiño Inglés e o Camiño Portugués.
Dicirvos tamén que este proxecto enmárcase dentro das axudas de dinamización do Xacobeo 2021, «O teu Xacobeo» da Xunta de Galicia.


A Familia

Lena:
A nosa nai é profesora de Xeografía e Historia e aburre falando de catedrais, igrexas e capelas.

Lino:
O noso pai é, como di el, traballador do fogar; ademais, é poeta descoñecido e ilustrador.

Lúa:
Gústalle a música e toca o violín, tamén lle gusta a fotografía, sempre anda cunha cámara de fotos colgada no pescozo.

Bal:
É o anano da familia, que é un metomentodo, gústalle fedellar e pintar, e, para os seis anos que ten, non o fai nada mal.


Camiño Francés

A primeira andaina que fixemos foi o Camiño Francés dende O Cebreiro ata Santiago de Compostela.

Percorremos 11 concellos: O Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino, e rematamos en Santiago de Compostela.

Neste percorrido puidemos coñecer e descubrir igrexas, capelas, mosteiros, ríos, pontes, festas, paisaxes incribles, comidas riquísimas… Tamén coñecemos contos e lendas interesantísimas do noso patrimonio inmaterial.

Estamos tan cansos e felices que agora só imos gozar deste momento e soñar coa seguinte andaina.


Ruta da Prata

Tras a fermosa experiencia do Camiño Francés, a familia dos Balbinos decidimos facer unha nova peregrinaxe a Compostela, desta vez pola Ruta da Prata, na variante do Camiño Sanabrés.

Ollamos elementos fermosos do noso patrimonio, escoitamos historias e lendas engaiolantes, e coñecemos persoas que desbordaban amabilidade en cada un dos concellos polos que pasamos: A Mezquita, A Gudiña, Castrelo do Val, Laza, Vilar do Barrio, Xunqueira de Ambía, Taboadela, San Cibrao das Viñas, Ourense, Vilamarín, Cea, Piñor, Dozón, Lalín, Silleda, Vedra, Boqueixón e Santiago.


Camiño Inglés

Os papás non daban decidido cal dos camiños facer primeiro e pedíronnos a nós que escollésemos un… Boa a fixeron!

Lúa namorouse do Camiño Portugués e eu, do Inglés, porque sempre me gustaron os barcos e os piratas! Pero Lúa, por levarme a contraria…

Así que xogando a quen tiraba da palla máis longa gañou o Camiño Inglés e alá que nos fomos a Ferrol (aínda que tamén se pode iniciar na Coruña).

Cando rematamos, deixamos tripados arredor de 120 quilómetros e percorridos 14 concellos: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Mesía, Ordes, Oroso ata rematar en Santiago.

Gozamos de historias incribles, lugares fermosos e unha chea de aventuras…

Camiño Portugués


O Camiño Portugués será o cumio das nosas aventuras e estrearemos un uniforme moi chulo deseñado por papá e coa palabra “Ultreia!”… Queredes saber que significa? Pois teredes que esperar a ler as nosas andainas!

Nesta nova ruta podemos escoller entre facer a andaina pola costa ou escoller a variante central e, como lle tocaba elixir a Lúa… elixiu o central, dende Tui.

Esta foi unha aventura marcada pola historia e na que mamá nos ensinou moito de reis, monumentos e vilas… e tamén tivemos moita diversión percorrendo todos os concellos polos que transcorre esta ruta: Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, Padrón, Brión, Teo, Rois, Ames e Santiago.


Autores


Andamos tanto que desfixemos máis dun par de zapatillas e os nosos pés quedaron moi magoados. Non obstante, pasámolo tan ben que mereceu a pena.
Os traxectos foron duros, pero chegamos cargados de anécdotas e de experiencias enriquecedoras.
A familia dos Balbinos, desexamos que vos gusten os nosos libros e que desfrutedes léndoos e que vos animedes a facer as distintas rutas ata Santiago de Compostela, como fixemos nós… Veña, amigos e amigas, animádevos que igual nos atopamos polo camiño…!