Os versos de Rosalía Morlán resoaron en Compostela

Os versos de Rosalía Morlán resoaron en Compostela

O Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acolleu a presentación do libro ilustrado “Camelias de amor”, da autoría de Rosalía Morlán e publicado por Edicións Fervenza. No acto, a autora estivo acompañada do escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo; da concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; e da ilustradora do libro, Amalia López Brea “Luchi”. Aos que se sumou o acompañamento musical de Manoele de Felisa e o Coro de Habaneras Rocha Forte.

A obra

Todos os poemas que integran Camelias de amor preséntanse en dous idiomas: galego e castelán e neles, Rosalía Morlán recompila un conxunto de poemas elaborados ao longo da súa vida e que, pese á súa aparencia romántica, son perfectamente extrapolables a calquera sentimento de amor e afecto no lector/a.

Camelias de amor é un libro de sentimentos onde a alma viaxa completamente espida a través dos versos e no que o amor aniña en cada palabra. Como beliscos no corazón dun amor que envolve toda a vida, nesta obra recompílanse diversos poemas elaborados pola autora dende o ano 1980 ata o 2020. Un camiño ao longo dos anos bailando entre camelias, baixo unha choiva de soños e unha néboa de esperanza. Asemade, a colaboración de Amalia López Brea “Luchi” coas súas ilustracións a toda cor proporciona maior beleza se cabe aos versos de Morlán.

A propia autora nos fai unha pequena valoración da súa obra e inspiración que recollemos a continuación:

Que che ofrece a poesía que non teñen o resto dos xéneros?

Sempre escribín poesía, dende os 10 anos, un pouco por necesidade, quizais porque durante moito tempo escribía só para min e a poesía era o que me enchía... inspirándome en todo o que me rodea, as experiencias vividas e os recordos, pero tamén o simple feito de observar a vida.

Algún elemento no que te inspires especialmente?

Moito ceo e moita noite. A noite dende ben pequena fascinoume, e con ela a lúa e as estrelas, por iso a lúa sempre me acompaña e percorre moitas veces os meus versos.

Como te sentiches cando escribías “Camelias de amor” e como valoras o resultado final?

Son poemas escritos dende o ano 1980 ata o 2020. Ademais dos propios sentimentos atópanse nel  vivencias, historias e sentimentos alleos dos que fun confidente. Tamén está neste poemario a amizade e o amor ao mar.  Foi ilusionante e reconfortante botar a vista atrás e recuperar versos adormecidos, así como ver nacer novas “camelias de amor”. O resultado final é un poemario empapado en soños e en amor. Poemas ilustrados dun xeito maxistral por esa mestra da cor que é a amiga Amalia López Brea, “Luchi”.

Por que en dous idiomas?

Porque os mesmos poemas o pedían, algúns naceron en castelán e outros en galego. Por iso quixen que todos tivesen o mesmo valor e forza, combinando os dous idiomas.

Como valoras a situación na que se atopa nestes momentos a poesía? E a poesía en galego en particular? 

Penso que se escribe moita poesía e hai moitos escritores mozos cun xeito de escribir fresco e áxil. Hai moitos concursos e moitas publicacións, pero outra cousa é que se lea poesía. En Galicia creo que se está indo por un camiño fantástico que é o de achegar a poesía  ás escolas, aos máis pequenos.

Que proxectos tes de futuro? 

Na cabeza teño moitos, pero haberá que deixar que vaian asentando e xa será o que sexa. Pero no que se refire á escrita, agora estou cun poemario infantil que fala da relación dun neno/a co seu avó, que padece Alzheimer, unha enfermidade que, por desgraza, coñecemos na miña familia.